Catro grandes competicións de natación, a un paso de celebrarse no 2026 en Pontevedra

Pontevedra
21 de agosto 2025
Actualizado: 20:02

O Concello xa ten confirmada a Copa de España de clubes de primeira división para decembro deste ano e solicita outras probas para 2026, entre elas, a Copa do Mundo de Natación Artística

Exhibición da Selección Española Absoluta de Natación Artística en Rías do Sur

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves os contactos mantidos coa Federación Española de Natación para organizar varios eventos deportivos de natación durante os vindeiros meses na cidade.

Tras unha reunión celebrada coa presidencia da Federación Española, que lidera Fernando Carpena, e coa Federación Galega de Natación, ademais do club Galaico e a Fundación Rías do Sur, o rexedor confirmou que xa está pechada a celebración en Pontevedra da Copa de España de clubes de primeira división para decembro deste ano.

"Cerramos as competicións deportivas máis importantes a nivel de Campeonato de España con esta competición en decembro de 2025, nunha época moi interesante porque vai mover moita xente e estamos nunha temporada baixa", explicou Fernández Lores, referíndose á presenza turística.

O Concello solicitou á directiva da Federación Española outras competicións para os próximos anos, elaboradas de acordo co Club Galaico e con Rías do Sur:

  • Copa do Mundo de Natación Artística para 2026, 2027 e 2028

  • Campionato de España por Federacións Autonómicas categorías Júnior e Infantil de Natación  para febreiro de 2026

  • Campionato de España alevín e infantil de inverno de natación artística, en marzo de 2026

  • Copa de España de Augas Abertas para setembro de 2026

Esta última competición sería próxima á Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, prevista para finais de setembro de 2026. "Temos xa instaladas infraestruturas que son absolutamente necesarias para as dúas probas e que nos abarataría moitos costes", sinalou o alcalde.

O presidente da Federación mostrou o seu interese pola proposta de augas abertas, xa que se realizaría "a cinco minutos do centro da cidade, nunha ubicación espetacular con posible asistencia de público", explicou Lores.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraConcello de Pontevedra

Fernández Lores destacou que todas estas competicións están programadas "fóra de temporada" - febreiro, marzo, abril e setembro - coa idea de "desestacionalizar o turismo e dar unha maior actividade económica fora da temporada de verán".

A directiva da Federación Española decidirá sobre estas solicitudes "nos próximos meses, probablemente dentro do próximo mes", segundo avanzou o rexedor pontevedrés.