O Pavillón Municipal de Baltar, en Sanxenxo, foi testemuña o pasado sábado dun fito para o Club Deportivo La Peña de Marín.
O equipo infantil feminino de fútbol sala proclamouse campión de Galicia tras imporse por 1-4 á Vitoria CF da Coruña na final do playoff da Liga Galega, conseguindo así o título autonómico e asegurándose un billete para o próximo Campionato de España

O conxunto marinense, dirixido por Javi Pumar e Lorena Núñez, culminou unha tempada impecable na que contaron todos os seus partidos por vitorias.
Ese dato, ademais, compleméntase cunhas estatísticas abafadoras: 129 goles a favor e só 6 en contra, o que demostra a súa solidez defensiva e o seu gran acerto de face a porta.
O plantel campión está formada por Iria Argibay, Aylen Belliard, Sara Carballal, Alba Crespo, Antía Dasilva, Lea Garrido, Elena González, Noa González, Estrella Jiménez, Valeria Pazos, Noa Pazos, Aitana Reboredo e Alba Salgado, das cales o 75% de formáronse integramente no club desde os seus inicios neste deporte, un reflexo do excelente traballo de base da entidade amarela.
Este logro súmase á exitosa traxectoria deste mesmo grupo de xogadoras na liga Cadete, competición na que tamén participaron durante toda a tempada e da que lograron proclamarse subcampioas o mesmo día, a pesar de competir contra deportistas de maior idade.
A historia do Club Deportivo La Peña segue sumando capítulos dourados posto que esta mesma xeración de xogadoras xa se proclamou campioa galega durante os dous anos anteriores, tanto en categoría alevín como infantil.
Agora, coa vista posta no Campionato de España, as xogadoras do club prepáranse para o desafío de medirse aos mellores equipos de todo o panorama nacional na última fin de semana de maio.