Ceci e Silvia, convocadas coa Selección para un dobre amigable en Hungría

Marín
27 de outubro 2014

Venancio López volve chamar a gardameta do Poio e á pívot da Lazio nun compromiso que servirá de preparación para o Mundial de decembro en Costa Rica

Silvia Aguete nun partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle Diego Torrado

Son xa dúas fixas nos plans de Venancio López. Cecilia Puga e Silvia Aguete volveron ser chamados a unha convocatoria da Selección Española, nesta ocasión para afrontar un dobre compromiso amigable en Hungría os días 4 e 5 de novembro.

Ceci, actualmente nas filas da Lazio italiana, é a única pívot da lista. A xogadora marinense non abandonou o equipo nacional dende o seu debut hai un ano en Portugal.

Pola súa banda a gardameta do Poio Fútbol Sala, Silvia, ve premiado o seu bo inicio de campaña e parece ter gañado a confianza do seleccionador, aínda que deberá pelexar polo posto con Vane (Ponte Ourense) e Belén (Atético de Madrid Navalcarnero).

Os partidos ante Hungría celebraranse nas cidades de Miscolc e Gyongyos e servirán de preparación para o Mundial Feminino que se disputará en Costa Rica entre o 2 e o 10 de decembro.

Venancio López citou nesta ocasión 14 xogadoras: Vane (Ponte Ourense), Belén (Atético de Madrid Navalcarnero), Silvia (Poio FS), Chamorro (Móstoles), Isa García (Alcorcón), Amelia (Universidad de Alicante), Leti (Atlético de Madrid Navalcarnero), Sara Iturriaga (ASD Citta Di Montesilvano), Ana Luján (Alcorcón), Peque (Burela), Iria (Cidade das Burgas), Marta Peñalver (Roldán), Vanessa Sotelo (Cidade das Burgas) e Ceci (Lazio).