Ceci renova co Marín Futsal para o debut na Primeira División

Marín
16 de xullo 2021

A futbolista internacional marinense seguirá xogando polo menos un ano máis para gozar do debut do equipo na máxima categoría. É a segunda xogadora confirmada do equipo tras a fichaxe da gardameta Silvia Aguete

Ceci, no partido entre Valdetires e Marín Futsal
Ceci, no partido entre Valdetires e Marín Futsal / Mero Barral / Ferrol360

Xogar na elite co equipo da súa localidade é un luxo que non moitos deportistas poden chegar a cumprir, por iso Cecilia Puga 'Ceci' non quere perder a estrea do Marín Futsal na Primeira División.

A pivote é a segunda xogadora confirmada para o primeiro proxecto marinense na máxima categoría, xunto á fichaxe da súa amiga e ex-compañeira Silvia Aguete.

Ambas as dúas foron protagonistas das primeiras campañas do Poio Pescamar en Primeira, e agora repetirán na beira contraria da ría ás ordes de Raúl Jiménez.

A piques de cumprir 34 anos, Ceci achegará a súa experiencia na pista da Raña polo menos unha tempada máis, unha experiencia acumulada non só no Poio Pescamar senón na Selección Española e na liga italiana, onde xogou nas filas da Lazio e do Real Statte Futsal.

"Despois de conseguir o ascenso co club do seu pobo, agora toca gozar da máxima categoría, en casa e coa súa xente", sinalou o Marín Futsal tras anunciar a súa renovación.