Así será a celebración de 80 anos de historia da SD Teucro para marcar o rexurdir da entidade

Pontevedra
25 de abril 2025
Actualizado: 02 de maio

O club pontevedrés organizará unha cea-gala no Liceo Casino, unha exposición itinerante e unha xornada técnico-deportiva co Granollers e o Benfica como convidados de luxo

Integrantes da xunta xestora do Teucro amosando as camisetas do 80 aniversario ao alcalde e á concelleira de Deportes

Sociedade Deportiva Teucro, emblema histórico do balonmán pontevedrés, xa ten deseñado un completo programa de actividades para conmemorar os seus 80 anos de traxectoria. O club azul, un dos máis antigos do balonmán estatal, celebrará ao longo de 2025 diversos actos que buscan encher a cidade de recordos en relación co balonmán do máis alto nivel.

O primeiro gran evento será a Cea-Gala do 80 Aniversario, que terá lugar o venres 2 de maio no Liceo Casino no Parque A Caeira en Poio.

A velada, que comezará ás 21:00 horas, estará conducida por Ángel Magdaleno, unha voz histórica vinculada á radio e ao balonmán pontevedrés.

Durante a cea proxectaranse dous vídeos titulados "Pequenos momentos vividos en 80 anos..." e "Pontevedreses de adopción...", ademais dunha recompilación fotográfica dos distintos equipos ao longo da historia do club.

Un dos obxectivos desta gala é propiciar o reencontro de diferentes xeracións vinculadas ao Teucro, desde xogadores a afeccionados, directivos e institucións.

Segundo explicou Carlos García-Alén, expresidente e integrante actual da xestora do club, "imos ter a presenza de xogadores históricos como Velo Rajic, que vén desde Almería, Rastko Stefanovic, que viaxa desde París, ou Marko Curuvija, que chegará desde Belgrado". Ademais, entregaranse distincións a persoas que contribuíron ao desenvolvemento do club durante estas oito décadas.

As persoas que asistan a esta cea recibirán unha camiseta exclusiva do 80 aniversario.

Actualmente hai preto de 180 persoas inscritas na cea, incluíndo un cento de xogadores.

EXPOSICIÓN

Entre xuño e setembro de 2025, Pontevedra acollerá unha exposición fotográfica e de vídeo que percorrerá momentos clave na historia do Teucro.

A mostra permanecerá por diferentes puntos da cidade, formando o que os organizadores denominan "Oitenta anos de camiño azul", unha liña imaxinaria para conectar o centro urbano co Pavillón Municipal, pasando por zonas emblemáticas como a Praza de España, a Ferrería, o Museo ou a Ponte do Burgo.

A inauguración desta exposición terá lugar o 13 de xuño e irá acompañada dun coloquio titulado "Lembranzas azuis", que se celebrará no Teatro Principal baixo a coordinación do xornalista Xabier Fortes.

XORNADA TÉCNICO-DEPORTIVA

A programación do aniversario culminará o 14 de agosto cunha completa Xornada Técnico-Deportiva. Pola mañá terá lugar unha charla-coloquio con figuras destacadas do balonmán nacional, como Zupo Equisoain (REBI Cuenca) e posiblemente o histórico adestrador Manolo Cadenas.

Pola tarde, celebraranse dous partidos de alto nivel: un encontro entre a SD Teucro e unha Selección Galega All Stars de Primeira Nacional, seguido dun duelo internacional entre o BM Granollers e o Sport Lisboa e Benfica, dous equipos con oito décadas de historia e palmarés impresionantes. O Granollers, con una Recopa de Europa e 10 ligas españolas, e o Benfica, con 7 ligas portuguesas e 1 European League, ofrecerán un partido espectacular.

Durante a presentación dos actos no Concello de Pontevedra, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia histórica da entidade, que chegou a xogar competición europea en 1994, e o interese dos actuais dirixentes en "revivir o club".

Nesa mesma liña, José Antonio García Lores "Cáceres", da xunta xestora actual, subliñaba que "estes 80 anos deben ser un punto de inflexión. Deixamos atrás unha etapa difícil e comezamos unha nova vida", unha vez superada a crise económica que levou á entidade a un concurso de acredores.

SD Teucro, fundada en 1945, mantén un vínculo emocional coa cidade e actualmente conta con arredor de 500 persoas asociadas empregando un formato familiar, que busca potenciar a base para reforzar a masa social.

Imaxe histórica dun partido do Teucro nos anos 60SD Teucro