Cerdedo-Cotobade repetirá en 2022 como sede dun dos tramos do Rally de Pontevedra

Cerdedo Cotobade
07 de marzo 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Escudería Congostra Team Sanxenxo rubricaron o convenio polo que o municipio acollerá un dos tramos da competición automobilística o próximo 25 de xuño

III Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez Cristina Saiz

O Rally de Pontevedra - Memorial Miguel Álvarez contará por segundo ano consecutivo cun dos seus tramos de competición en Cerdedo-Cotobade. Así o confirmou o Concello tras rubricar un convenio de colaboración coa Escudería Congostra Team Sanxenxo, responsable do renacemento da proba automobilística en 2021.

Poucos detalles coñécense por agora da nova edición do rally, que se celebrará finalmente os días 24 e 25 de xuño tras un reaxuste no calendario.

A cita, puntuable para o Campionato Galego de Rallyes, discorrerá o día 25 polo que sinalan como un "trazado novedoso" en Cerdedo-Cotobade.

Cabe lembrar que na pasada edición ademais de por este municipio o Rally de Pontevedra contou coa súa base en Sanxenxo e tramos cronometrados que discorreron tamén por Meaño e Ponte Caldelas.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, celebrou o acordo ratificando a aposta do goberno local polo mundo do motor e por eventos que "dinamizan a actividade económica do municipio xa que mobilizan a moita xente que se achega ata aquí e que consomen nos distintos establecementos comerciais e hostaleiros da zona".