Está xa retirado da práctica activa do fútbol, como lenda viva do Pontevedra Club de Fútbol.
Charles Dias céntrase agora no seu labor na secretaría técnica do club granate, o equipo que lle abriu as portas do fútbol español e ao que regresou ao grande tras unha exitosa carreira en Primeira División en clubs como o Celta, o Málaga ou o Eibar.
A historia de Charles co Pontevedra foi rechamante desde o primeiro día, aquel partido con só 20 anos de idade no que se presentou ante a afección mostrando o mellor e o peor en apenas uns minutos sobre o céspede.
Debutou cos da Boa Vila en Segunda División nun duelo ante o Polideportivo Ejido un 28 de agosto de 2004. Era a primeira xornada de liga nun Pasarón envorcado cos seus. O brasileiro entrou ao campo no minuto 75 con 0-1 no marcador substituíndo a Canabal. Na súa primeira intervención, cunha acrobático remate, rozou o empate levantando á bancada, e na súa segunda acción propinaba un cobadazo a un rival que lle facía ver o cartón vermello directo.
Só levaba tres minutos sobre o céspede, o que lle converteu entón no futbolista que vira máis rapidamente unha vermella no seu debut en Segunda.
Unha marca que seguía vixente case 21 anos despois, pero que ten ao fin novo posuidor tras a primeira xornada de liga desta nova tempada 25-26.
A dubidosa honra de posuír esta marca recae agora en Selu Diallo, futbolista da Cultural Leonesa, e é que na súa estrea co seu novo equipo só durou 40 segundos sobre o terreo de xogo.
Un agarrón a un rival do Burgos, no Plantío, cando se dispuña a rematar dentro da área e con todo a favor para marcar, supuxo un penalti e a súa expulsión, deixando a Charles sen este particular rexistro.
Unha acción que marcou o encontro, que finalizou con goleada burgalesa por 5-1.
O curioso dato encargouse de lembralo unha conta especializada en datos como LaLigaEnNúmeros.
Sen esta marca no seu poder a Charles queda iso si no seu haber unha exitosa carreira, téndose retirado como o máximo goledor histórico do Pontevedra Club de Fútbol, con 95 tantos entre Liga, Copa do Rei e Copa Federación. Toda unha lenda no Estadio Municipal de Pasarón.