Charles, tras o seu record goleador co Pontevedra: "Oxalá teñamos un mozo da canteira batendo esa cifra"

Pontevedra
29 de novembro 2022

O brasileiro asegura tras colocarse como máximo goleador histórico do club granate que "as sensacións son moi boas por conseguir esta marca, pero tamén por axudar o equipo por conseguir unha vitoria que nos facía moita falta"  

Charles, durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Que sente ao colocarse como máximo goleador histórico dunha entidade como o Pontevedra Club de Fútbol? Só Charles Dias de Oliveira pode responder a iso tras conseguir o pasado domingo a súa diana 84 entre as dúas principais competicións nacionais (Liga e Copa do Rei).

"As sensacións son moi boas por conseguir esta marca, pero tamén por axudar o equipo a conseguir unha vitoria que nos facía moita falta", responde con humildade o brasileiro e intentando afastarse dos focos.

Moitos goles e de todas as cores ao longo de 9 tempadas (nas súas dúas etapas no club), pero con cal queda? Pois "con algún en Segunda División e tamén do ano pasado. Igual o de Ceares, cando iamos empatados e marquei ao final", lembra sobre un gol que achegou o ascenso directo á Primeira RFEF.

Coa súa nova marca Charles supera un canteirán granate como Pablo Couto, que contaba con 83 goles e que segue sendo o xogador con máis partidos oficiais ás súas costas no club. Quizais por iso ve posible que alguén chegue a bater a cifra e para iso mira cara a casa. "Creo que temos moi bos xóvenes na nosa canteira e seguremanete, oxalá, teñamos un mozo da canteira batendo esa cifra e estando moitos anos aquí no club", explica un dos grandes ídolos da afección.

Números aparte, o 18 do Pontevedra mira agora cara ao futuro do equipo tras conseguir unha primeira vitoria a domicilio que "necesitabamos", tanto que "oxalá sexa un punto de inflexión para nós para seguir crecendo como equipo e para conseguir unha boa serie de vitorias agora".

Palabras dun xogador que é xa parte da historia do Pontevedra Club de Fútbol.