Cinco deportistas representarán o Galaico no Campionato de España Open de Natación

Pontevedra
21 de marzo 2019

Trátase da gran competición da tempada no calendario nacional, á que acoden todos os grandes nomes ao poñerse en xogo as prazas no equipo nacional para as citas internacionais deste verán. O Nacional Open disputarase do 6 ao 10 de abril en Sabadell

Deportistas do Galaico no Campionato de España Absoluto de Inverno en Barcelona Club Natación Galaico

O Club Natación Galaico estará presente na gran cita da tempada da natación española, o Campionato de España Absoluto Open de Primavera que se disputará na Piscina Can  Llong de Sabadell, en Barcelona.

Todas as figuras nacionais estarán presentes na competición en busca das mínimas para as citas internacionais deste verán.

Alí estarán tamén cinco deportistas do club pontevedrés, tres nadadoras e dous nadadores.

Bea Gómez Cortés tomará parte nos 100 libre e os 200 estilos, Carla Goyanes fará o propio nos 400 estilos e 200 bolboreta, María Vilas nos 400, 800 e 1.500 libre e 400 estilos, Alexandre Lages nos 200 e 400 libre, as 200 costas e 200 bolboreta, e Bruno Rey completará a representación pontevedresa no 1.500 libre.

Será o momento de demostrar todo o traballo realizado nos últimos meses e por que non pelexar por pisar o podio nalgunha da probas.