Cisne e Teucro entran en acción na Copa Galicia de balonmán

Pontevedra
21 de agosto 2018

Os equipos pontevedreses entran en xogo esta semana na terceira rolda da competición autonómica, ao tratarse de conxuntos de División de Honra Prata e Liga  Asobal respectivamente

Samu Gómez, nun adestramento co Teucro
Samu Gómez, nun adestramento co Teucro / Mónica Patxot

A pretempada ponse seria para a Sociedad Deportiva Teucro e o Club Cisne Balonmán, que se incorporan á competición da Copa Galicia na súa terceira rolda.

O torneo autonómico chega aos cuartos de final e aí entran os equipos, como é o caso dos pontevedreses, da Liga Asobal e a División de Honra Prata.

No caso do Teucro, que este martes ten fixado un amigable na localidade portuguesa de Braga e o día 25 visitará en León o Ademar, a Copa fará que esta se converta nunha semana en grao sumo esixente. Os azuis enfrontaranse este xoves ao Chapela a domicilio (21:00 horas), despois de que o conxunto redondelano vencese en segunda rolda ante A Cañiza (23-28).

Pola súa banda o Cisne, que vén de asinar un terceiro posto no Torneo do Rosal, terá como rival o BM Lalín tras derrotar este a o OAR Coruña (21-31). O encontro disputarase no Lalín Area antes do día 26 de agosto.

Os outros dous encontros de cuartos de final de Copa Galicia disputaranos BM Lavadores e Cangas por unha banda e Calvo Xiria e Atlético Novás pola outra.