O Teucro vence á calor e o ABC Braga para sumar un novo triunfo en pretempada (31-34)

Pontevedra
22 de agosto 2018

Os azuis devolveron visita ao equipo portugués, contra o que xogaran o sábado en Pontevedra, e fíxoo cun encontro no que realizou 40 minutos a bo nivel pero no que lle custou pechar o resultado a favor. O xoves, quenda para a Copa Galicia en Chapela

Amigable entre ABC Braga e Teucro
Amigable entre ABC Braga e Teucro / SD Teucro

Segue invicto en pretempada o Teucro, antes de iniciar a súa fase máis esixente coa Copa Galicia e o amigable previsto para o próximo día 25 en León ante o Ademar.

O conxunto azul devolveu visita ao ABC Braga portugués, que xogara en Pontevedra o pasado sábado, e fíxoo nun partido coa calor como gran protagonista, polas altas temperaturas ás que tiveron que facer fronte os xogadores no interior do pavillón.

Os de Luís Montes impuxéronse por 31 a 34 nun encontro que tiveron na súa man con comodidade pero que se complicou nos minutos finais pola intensidade do cadro luso, que propiciou ata seis exclusións teucristas no segundo tempo e apertou o marcador.

Antes o Teucro queda coa "parte positiva de los 40 primeros minutos", recoñeceu o técnico, que lles fixo chegar a poñerse "ocho arriba trabajando bien a nivel defensivo tanto en 6-0 como en 5-1". Despois chegaría a reacción local unida a unha pequena baixada de rendemento pontevedrés que fixo que o ABC Braga se colocase a un tanto, pero os azuis souberon aguantar o tirón para levar o triunfo final.

Tras esta cita, o próximo compromiso estival será o debut en Copa Galicia, cun partido de cuartos de final da competición que se disputará o vindeiro xoves 23 en Chapela.