O Club Acuático Umia loce no Campionato de España Infantil de Salvamento

Umia
15 de abril 2025
Actualizado: 14:02

Por primeira vez nos seus 28 anos de historia o Umia proclamouse campión de España infantil feminino na clasificación xeral por equipos

Deportistas do Umia no Campionato de España Infantil e Cadete de Salvamento Acuático
Deportistas do Umia no Campionato de España Infantil e Cadete de Salvamento Acuático / Club Acuático Umia

Ata Bétera, en Valencia, desprazouse o Club Acuático Umia para participar no Campionato de España Infantil e Cadete de Primavera de Salvamento Acuático.

Unha cita que dificilmente esquecerá polos grandes resultados conseguidos polos seus deportistas.

De feito, por primeira vez nos seus 28 anos de historia o Umia proclamouse campión de España infantil feminino na clasificación xeral por equipos.

Foron Iria Aboy, Vera Rey, Martina Buceta e Xiana Pérez as deportistas que conseguiron este fito para o club, ao sumar 132 puntos no campionato superando os 123 do Water Benidorm e ao Oriol de Toledo.

Aínda por riba grazas á achega en categoría masculina de Mateo Santos, Mauro Garrido, Xoán Fuentes e Anxo Varela o Acuático Umia conseguía unha gran medalla de bronce por equipos na clasificación conxunta. Sumaron un total de 170 puntos sendo unicamente superados entre os 35 clubs participantes polo campión Bétera e o subcampión Top Ten de Alacante.

Raúl Varela e Hugo Parada completaban a representación caldense no campionato nacional, no seu caso de categoría cadete.

A nivel particular cabe destacar ademais a medalla de ouro da remuda 4x25 infantil feminina e a prata de Vera Rey nos 100 aletas infantil.

As próximas grandes citas competitivas para o Umia serán agora a Copa de España de praia en Santander, a finais do mes de abril, e o Open Internacional Absoluto de piscina unha semana despois en Torrevieja.