O Club Natación Galaico, organizador da terceira edición da Travesía a nado do Lérez Cidade de Pontevedra, quixo informar á cidadanía, especialmente á veciñanza da Avenida de Buenos Aires, sobre as xestións realizadas de cara ao corte temporal de tráfico previsto con motivo da celebración deste evento deportivo.
Este ano, a proba, que se celebrará o sábado 26 de xullo, adquire unha relevancia especial ao acoller unha das etapas da Copa de España de Natación de Augas Abertas, e atraerá a numerosos nadadores e espectadores á cidade.
Consciente do impacto que pode supor o peche puntual da vía na zona da praia fluvial de Monteporreiro, o club insistiu en que puxo en contacto directo coa residentes da área máis afectada para garantir unha comunicación fluída e efectiva antes do evento.
"Establecemos contacto con varios veciños e veciñas coa finalidade de asegurarlles que o acceso aos seus domicilios estará garantido en todo momento, a pesar da restrición temporal de circulación xeral", explicou o propio club.
Así mesmo, a organización subliñou que estará garantida a conexión entre Monteporreiro e o centro da cidade durante toda a xornada, a través da rúa Reguiña (xunto á estación de tren no Campus), o que permitirá manter un tráfico fluído.
A Travesía a nado do Lérez consolídase como un evento de gran interese deportivo e turístico, axudando a dinamizar Pontevedra e promovendo a natación en augas abertas a nivel nacional.
Desde o Club Natación Galaico expresaron o seu "sincero agradecemento á veciñanza da Avenida de Buenos Aires pola súa inestimable comprensión e colaboración" e insistiron en que "a cooperación é fundamental para o bo desenvolvemento e o éxito desta importante cita deportiva".
Por último, o club recomenda a todos os residentes e condutores que presten atención á sinalización provisional e sigan as indicacións tanto do persoal da organización como da Policía Local, co fin de garantir a seguridade e minimizar as molestias durante a xornada da travesía.