O Club Natación Galaico asinou unha brillante actuación no Campionato Galego de Longa Distancia (P25), celebrado este fin de semana nas instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur.
A cita, organizada pola Federación Galega de Natación (FEGAN), contou coa participación de 98 nadadores pertencentes a 16 clubs de toda a comunidade.
O conxunto pontevedrés demostrou un altísimo nivel competitivo, alcanzando o subcampionato galego absoluto tras unha rifada disputa que se decidiu por un só punto. O CN Liceo proclamouse campión con 132 puntos, mentres que o Galaico sumou 131, quedándose ás portas do título.
O éxito do club sustentouse no excelente rendemento dos seus equipos feminino e masculino, que asinaron dúas actuacións de mérito.
En categoría feminina, o Galaico proclamouse campión galego absoluto con 61 puntos, dominando a clasificación de principio a fin e reafirmándose como un dos bloques máis sólidos de Galicia.
Pola súa banda, o equipo masculino conquistou a prata autonómica con 70 puntos, contribuíndo de forma decisiva ao subcampeonato absoluto do club.
Máis aló dos resultados colectivos, o cadro lerezano tamén brillou a nivel individual, con Ana Pérez proclamándose campioa galega sénior, e con Sofía Barros e Alba Castro logrando o primeiro e segundo posto, respectivamente, en categoría júnior 1.
No cadro masculino, Samuel Infestas completou a lista de medallistas cun bronce sénior que rubricou a excelente participación do equipo pontevedrés.