Compa, autor do primeiro gol do partido contra o Barakaldo: "agora o que veña é soñar"

Fútbol
04 de abril 2026

O xogador de Pontecesures mostrouse feliz polo gol xa que "os dianteiros vivimos de series" e asegurou que "hoxe conseguimos gran parte da permanencia, que é o primeiro obxectivo"

Partido entre Pontevedra CF e Barakaldo CF en Pasarón

Un dos nomes propios do Pontevedra é Álex Comparada "Compa". O de Pontecesures fixo este sábado o seu sétimo gol en liga da tempada para consolidarse como o máximo anotador do equipo en solitario.

O seu tanto supuxo o primeiro dos dous goles do conxunto granate fronte ao Barakaldo. Para el, este tres puntos achéganlles ao obxectivo da permanencia, que está prácitcamente sentenciado, polo que "agora o que veña é soñar".

"Sei que de cara a porta non estabamos a conseguir ese gol e estou moi contento de poder conseguilo hoxe", explicou Compa ao falar da seca goleadora das últimas xornadas. De feito, o de Pontecesures matizou que "pasamos un momento regular que non acabamos de conseguir ese último pase", pero "temos unha solidez defensiva incrible e creo que cada día estamos a mellorar na fase ofensiva".

A vitoria chega nun momento clave da tempada. O dianteiro do conxunto granate é claro ao afirmar que "sabiamos que viña unha semana moi complicada", polo que "gañar hoxe era moi importante, creo que nos achega a poder soñar".

Respecto ao encontro do próximo mércores contra o Arenas, Compa móstrase optimista: "Imos coa mentalidade positiva de gañar en casa e ogallá conseguir os tres outra vez".

Outro dos destacados deste sábado foi Facu Ballardo, que se estreou como titular nesta tempada e cumpriu con fartura no Municipal de Pasarón: "Véñome sentindo moi ben, esperando a miña oportunidade e hoxe chegou".

Respecto ao tramo final de tempada, Facu afirma que "o equipo está convencido do que hai que facer para conseguir o obxectivo". Este triunfo é, ademais, a súa primeira vitoria como xogador do Pontevedra: "Chegou o resultado e agora temos que mantelo, que é o importante e é o máis difícil".

Tamén destacou o ambiente de Pasarón, un campo que xa visitara pero que puido gozar como local este sábado: "É espectacular e ogallá que se encha o campo e que se envorque a cidade connosco". "Non os imos a deixar tirados", afirmou con contundencia Facu Ballardo tras a vitoria.