Compás de espera nas renovacións

Pontevedra
26 de maio 2016

O Pontevedra continúa negociando cos integrantes do primeiro plantel e trasladou ofertas de renovación a un bo número de futbolistas. Dos xogadores con contrato en vigor, Luisito non conta con Tomás Abelleira, polo que todo apunta a que sairá cedido

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Actividade intensa a destas xornadas nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, onde se seguen dando pasos na composición do Pontevedra 2016/2017.

Pechada a primeira quenda de baixas a comisión deportiva encabezada por Roberto Feáns, co asesoramento de Luisito, trasladou ofertas de renovación a un bo número de fútbolistas.

Ás primeiras propostas a Jandrín e Company únense as trasladadas a algúns dos homes importantes esta campaña, como o gardameta Edu Sousa, o dianteiro e pichichi do equipo Borjas Martín, Campillo, Mouriño, Álex Fernández, Adrián Gómez ou Jacobo.

Nalgúns casos os xogadores pediron tempo para valorar a proposta e noutros existen discrepacias económicas, polo que as negociacións continúan abertas.

Tamén interesa ao club manter a xogadores novos como Bruno Rivada e Miguel Loureiro. No bando contratio atópase un dos futbolistas que teñen contrato vixente como Tomás Abelleira, apenas utilizado este ano por Luisito e que apunta a unha cesión na busca de minutos.

Polo momento, ademais do propio Tomás e de Kevin Presa, ambos con contrato do mesmo xeito que o cedido Miki, só se chegou a un acordo de renovación con Capi. Pola súa banda producíronse xa oito baixas, as sete confirmadas polo club (Hugo, Bello, Pedro García, Anxo, Carnero, Pablo González e Verdú) e o cedido Álvaro Queijeiro, que regresará previsiblemente ao Deportivo, club que posúe os seus dereitos federativos.