Edu Sousa e Adrián Gómez renovan por unha tempada

Pontevedra
31 de maio 2016

O Pontevedra confirmou este martes a continuidade de ambos os futbolistas, que cumprirán así a súa quinta tempada en Pasarón. A dirección deportiva espera deixar pechadas as renovacións esta mesma semana

Adrián Gómez en un entrenamiento del Pontevedra en Príncipe Felipe
Adrián Gómez en un entrenamiento del Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol 2016/2017 empeza a tomar forma. Se ata agora Capi era o único futbolista que aceptara a oferta de renovación presentada polos responsables deportivos, este martes o club confirmou o acordo de continuidade con dous dos xogadores con máis peso do vestiario.

Trátase do gardameta Edu Sousa e do defensor e capitán do equipo Adrián Gómez, que cumprirán así a súa quinta campaña en Pasarón.

Ambos os futbolistas comprométense a continuar unha tempada máis. O Pontevedra ofreceulles a renovación a pasada semana, do mesmo xeito que a un bo número de xogadores, pero Edu e Adrián tomáronse varios días para valorar a proposta, xa que especialmente no caso do gardameta existían discrepacias económicas que finalmente se arranxaron.

Agora, os responsables da entidade granate esperan coñecer nos próximos días a resposta do resto de integrantes do primeiro plantel aos que se lles ofreceu continuar, xa que a intención do club é deixar pechado o capítulo de renovacións esta mesma semana para centrarse no mercado de fichaxes.

Por agora, ademais dos renovados Capi, Edu e Adrián, teñen contrato en vigor para a próxima campaña Kevin Presa, Tomás e Miki, que regresa da súa cesión en Bouzas. Pola contra non continuarán defendendo a elástica granate Hugo, Bello, Pedro García, Anxo, Carnero, Pablo González, Verdú e Álvaro Queijeiro.