Competición castiga con tres partidos a Adrián Abalo e con dous a Moncho Martínez tras a polémica na Malata

Pontevedra
06 de maio 2026

O segundo adestrador granate e o adestrador de porteiros foron sancionados con tres e dous partidos, respectivamente, tras as protestas derivadas da anulación do gol ante o Racing de Ferrol

Partido entre Pontevedra CF e SD Ponferradina en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e SD Ponferradina en Pasarón / Cristina Saiz

Adrián Abalo e Moncho Martínez, segundo adestrador e adestrador de porteiros do Pontevedra Club de Fútbol, foron sancionados polo Comité de Competición con tres e dous partidos de suspensión, respectivamente, tras a polémica xerada no encontro fronte ao Racing de Ferrol na Malata.

As sancións producíronse despois do gol do 0-1 a favor do equipo granate, que o colexiado decidiu invalidar tras acudir ao monitor e considerar que había falta de Luisao sobre Saúl. Por mor desa decisión, ambos os integrantes do corpo técnico granate protestaron a xogada e foron expulsados.

No caso de Adrián Abalo, o Comité imponlle un encontro de sanción por protestas ao árbitro principal, asistente ou cuarto árbitro, e dous máis por actitudes de menosprezo ou desconsideración cara aos colexiados, directivos ou autoridades deportivas tras ser expulsado.

En consecuencia, non poderá sentar no banco no que resta de liga e perderase o duelo deste sábado ante o Bilbao Athletic en Pasarón, a visita a Tenerife e a última xornada fronte ao Avilés, tamén en casa.

Moncho Martínez, pola súa banda, foi sancionado con dous partidos por actitudes de menosprezo ou desconsideración cara aos árbitros, directivos ou autoridades deportivas.

O adestrador de porteiros cumprirá o castigo nos dous próximos compromisos, aínda que si poderá estar dispoñible na última xornada.

Segundo reflicte a acta arbitral, Abalo foi expulsado no minuto 90+3 por saír da área técnica gritando e xesticulando en protesta por unha decisión do colexiado.

Ademais, o árbitro recolle que, unha vez expulsado, dirixiuse ao cuarto árbitro a escasos centímetros da súa cara e a viva voz con expresións como "te has cagado, te has cagado".

No caso de Martínez, a acta sinala que foi expulsado no minuto 96 por dirixirse de maneira reiterada e a viva voz ao colexiado coa frase "esto es una vergüenza, una vergüenza".