Confirmada a grave lesión de Pelayo Suárez: Rotura do ligamento cruzado do xeonllo

Pontevedra
01 de abril 2025
Actualizado: 16:58

O central asturiano é o terceiro futbolista do plantel do Pontevedra que sofre esta tempada tan temida lesión, tras Churre e Jesús Cambil. Perde o que resta de curso

Pelayo Suárez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Pelayo Suárez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Pontevedra CF SAD

Tiña "mala pinta", tal e como recoñeceron desde o Pontevedra Club de Fútbol o mesmo día do encontro contra o Bergantiños, e as probas médicas realizadas a Pelayo Suárez confirmaron o que se temía.

O central asturiano, lesionado nun mal apoio da súa perna dereita no duelo en Carballo, sofre unha "rotura de ligamento cruzado anterior, así como lesión no corno posterior do menisco".

Así o explica o parte médico oficial feito público este martes polo club granate, que non poderá volver contar con Pelayo no que queda de curso.

"Precisará tratamento cirúrxico", precisan os servizos médicos. Unha operación tras a que terá que afrontar unha longa recuperación de entre seis e oito meses.

O defensor é o terceiro futbolista do primeiro plantel granate que sofre esta tempada tan temida lesión. Chegou de feito á Boa Vila a finais do mes de outubro para cubrir a baixa de longa duración de Víctor Vázquez 'Churre'.

Despois chegaría, no último encontro do mes de novembro, a lesión de Jesús Cambil.

Con este contratempo Yago Iglesias perde a un home que se consolidou como titular no eixo da zaga, cunha rápida adaptación ao equipo.

Neste tempo chegou a disputar 18 encontros entre liga e Copa do Rei, todos eles como titular.