Confirmado o aprazamento do derbi galego de Asobal entre Cisne e Cangas

Pontevedra
16 de febreiro 2021

O club pontevedrés, cuxo plantel cumprirá este mércores 10 días corentena tras detectarse tres casos positivos por covid, solicitara a suspensión do encontro, o seu terceiro consecutivo por esta circunstancia ao non poder aínda retomar os adestramentos 

Partido entre Cangas e o Cisne no Gatañal
Partido entre Cangas e o Cisne no Gatañal /

O derbi galego da Liga Asobal entre Dicsa Modular Cisne e Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas, previsto para este sábado 20 de febreiro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, terá que esperar.

O Comité de Competición aceptou a solicitude do conxunto local, o Cisne, de aprazar o encontro debido ao gromo de covid detectado con ata tres dos seus xogadores positivos.

Tras detectarse o primeiro caso horas antes de enfrontarse ao Granollers, o club cisneísta pasou a estar en confinamento salvo un par de excepcións de xogadores que superara a infección recentemente, o que provocou tamén a suspensión do choque fronte a Ademar León.

Agora, a pesar de que a maior parte do grupo cumprirá este mércores 17 de febreiro os 10 días de illamento, segue sen saberse con exactitude cando se poderán retomar os adestramentos ao estar á espera de novas probas e resultados, polo que tras dúas semanas parados Competición atendeu a petición pontevedresa.

"Estamos á espera de acordar co club cangués unha nova data para a celebración do derbi", confirmou en redes sociais o propio Cisne, que espera esta sexa a última xornada que se apraza polo gromo detectado podendo retomar a normalidade a partir da próxima semana.