O ano da "consolidación definitiva" do Galicia Sportech Congress, con 500 asistentes e 3.000 rexistros online

Pontevedra
03 de abril 2025
Actualizado: 12:52

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra acolleu durante dous días o congreso de tecnoloxía e innovación no deporte, o máis importante do noroeste peninsular

5ª edición do Galicia Sportech Congress no campus de Pontevedra Galicia Sportech Congress

Dúas xornadas de moita actividade pero que deixaron un balance satisfactorio.

Así pecha a quinta edición do Galicia Sportech Congress na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, un evento que pasa por ser xa tras só cinco anos o congreso de tecnoloxía e innovación no deporte máis importante do noroeste peninsular.

Nesta ocasión foron máis de 500 os asistentes presenciais e 3.000 os rexistros online.

"Estamos ante unha quinta edición que era un reto fai 5 anos. Era un reto celebralo da forma que o celebramos e creo que o balance é moi bo", destacou Lalo García Torres, CEO de HubIN e cofundador de Galicia Sportech.

Esta edición arrincou coa presentación da aceleradora do deporte de Galicia, a Business Factory Sport (BF Sport), impulsada polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, HubIn e Diesemm, co apoio institucional do IGAPE.

5ª edición do Galicia Sportech Congress no campus de PontevedraGalicia Sportech Congress

"Cada vez máis empresas e institucións están implicadas no desenvolvemento da industria do deporte en Galicia, cada vez máis corporacións tamén están ao impulsar", afirma Lalo García.

Na última xornada do congreso 70 relatores e 40 startups pasaron polo Campus da Xunqueira, con relatorios e mesas redondas sobre innovación no ámbito da competición ou a analítica dos patrocinios en tempo real.

Ademais celebráronse tres clínics de surf, golf e deportes de raqueta coa participación entre outros do presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado.