A Praza da Peregrina foi escenario este mércores da presentación oficial do Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas que se celebrará do 2 ao 8 de setembro na Boa Vila.
Trátase dun gran evento internacional que contará finalmente con loitadores de 85 países, sinalaron na presentación.
Será o terceiro gran campionato internacional de loita que acollerá Pontevedra nos últimos anos, tras o Campionato de Europa Júnior de 2019 e o Campionato do Mundo Sub-23 de 2022.
Nel participarán ademais varios deportistas que adestran a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), como son Candela Castro, Gonzalo Caparrós, Alessandro Iemma e Moisés Bello.
A presentación do Mundial contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, xunto a representantes de Deputación e das federacións Galega e Española, ademais de dous campións de España de loita como os pontevedreses Lydia Pérez e Pablo García.