A ximnasia pontevedresa e galega trata de recobrar a normalidade tras a dolorosa perda de Pablo Hinojar, seleccionador nacional de ximnasia acrobática e fundador do Ximnasia Pontevedra.
A súa figura estivo moi presente no Campionato Galego de Trampolín celebrado na Estrada.
Alí o Ximnasia Pontevedra, encabezado pola medallista mundial Melania Rodríguez, sumou 26 medallas en categoría elite (7 ouros), 12 de base e 3 en categoría escolar.
Melania levou de feito un dobre ouro absoluto na xeral de dobre minitramp (DMT), cunha puntuación de 48.400, e no trampolín, con 51.820.

A maiores, a Federación Galega de Ximnasia decidiu converter unha das súas grandes competicións anuais nun memorial á figura do adestrador pontevedrés.
Trátase da Copa Galicia Internacional de Ximnasia Trampolín, e que en 2025 chegará á súa XV edición.
Este evento, no que participan cada ano centos de ximnastas, pasará a denominarse oficialmente 'Memorial Pablo Hinojar'.
Na súa próxima edición volverá celebrarse no pavillón marinense da Raña os días 21, 22 e 23 de marzo de 2025.