Non había nada en xogo, pero o CW Pontevedra plantou cara e deu a sorpresa na piscina do CN Rubí cunha meritoria e axustada vitoria (6-7).
Saltou á piscina do líder o equipo de Arthur Neves co obxectivo de prepararse para o play-off de ascenso fronte a un rival de máximo nivel, e vaia se o fixo.
Non foi nin moito menos fácil, pois as catalás gobernaron nun primeiro cuarto que terminou cun parcial de 3-1. Aínda que Anna Beatriz inaugurou o marcador, os tantos de Laia, Erika e Aroa aventaxaron ás locais.
A reacción chegou nun segundo cuarto que marcou o devir do encontro. Arrincou cun temperán gol de Carmen que obrigou ao banco do Rubí a solicitar tempo morto.
Nada puido co equipo pontevedrés, que mantivo a liña ascendente para asinar un parcial de 4-0 grazas aos goles de Andrea, Alba e Carmen. O resultado xa era de 3-5 ao descanso.
Con esta renda xestionou a segunda metade do partido o CW Pontevedra que neutralizou ao líder da liga grazas a unha gran defensa. Carmen para as galegas e Judith para as de casa fixeron os únicos tantos do terceiro tempo (4-6).
Non foi plácido o último cuarto, que arrincou con dous goles consecutivos do CN Rubí para devolver a igualdade ao marcador no tramo decisivo (6-6).
Resistiu e atopou a súa oportunidade o equipo pontevedrés a escasos segundos do final, momento no que Carmen Díaz fixo o gol da vitoria nun lanzamento de penalti.
Finalizou o encontro cun meritorio e traballado triunfo do CW Pontevedra (6-7), que termina así o tramo regular da competición para afrontar o play-off de ascenso coa moral polas nubes.
Consulta as estatísticas neste enlace.