O complexo deportivo de Rías do Sur foi escenario o pasado sábado 28 de marzo dunha intensa xornada de waterpolo, con protagonismo para o Club Waterpolo Pontevedra, que disputou un total de seis encontros fronte ao Marina Ferrol entre competición nacional e ligas autonómicas.
A sesión arrincou co compromiso do absoluto masculino, que, a pesar de introducir rotacións pensando no decisivo choque xuvenil do peche, non deu opción ao seu rival.
Os pontevedreses asinaron un contundente 19-9 apoiados na experiencia dos seus xogadores máis veteranos, un triunfo que lles permite manterse como líderes invictos da clasificación.
Menos fortuna tivo o equipo cadete mixto, moi condicionado polas baixas. Enfrontábase ademais ao conxunto máis sólido da categoría, que conta os seus partidos por vitorias esta tempada. Aínda que os locais ofreceron algúns tramos de bo xogo, terminaron cedendo por un claro 2-20.
Mellor rendemento ofreceu o equipo infantil CWP Boa Vila, integrado por xogadores alevíns e infantís con menor bagaxe competitiva. O conxunto local dominou desde o inicio e impúxose con autoridade por 12-2 ante un rival que acusou a ausencia de varios dos seus mellores efectivos, convocados coa selección galega para o Campionato de España.
Tras o parón motivado polo encontro de categoría nacional feminina, a competición renovouse co duelo alevín, no que o CWP Teucro sumou unha nova vitoria (14-10). O partido permitiu repartir minutos entre todos os xogadores e seguir acumulando experiencia de face ao futuro.
O broche de ouro púxoo o equipo xuvenil masculino no enfrontamento máis esperado da xornada. En xogo estaba o título de liga, e como adversario un exixente Marina Ferrol, segundo clasificado e reforzado para a ocasión.
O choque comezou con máxima igualdade e unha destacada solidez defensiva por parte dos locais, apoiada pola gran actuación do gardameta Antonio Fernández. Houbo que esperar case cinco minutos para ver o primeiro gol, obra de Daniel Martínez, nun encontro marcado pola intensidade.
Finalmente, o Club Waterpolo Pontevedra impuxo a súa eficacia para pechar o partido cun 10-5 que lle outorga matematicamente o campionato ligueiro xuvenil, culminando así unha tempada sobresaliente e referendando o crecemento do waterpolo pontevedrés.
