Dalisson despídese do Pontevedra: "Levarei este escudo no corazón"

Pontevedra
20 de maio 2025
Actualizado: 29 de maio

O futbolista, que xogará a próxima tempada no Córdoba en Segunda División, despediuse do club que foi a súa casa os dous últimos anos a través dun comunicado en redes sociais

Dalisson, na festa granate na Praza do Teucro para celebrar o ascenso

Pasaron xa días desde que finalizase oficialmente a tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, e tras un tempo para asimilar a súa nova situación Dalisson de Almeida publicou unha mensaxe para despedirse da que foi a súa afección as dúas últimas tempadas.

O futbolista hispano-brasileiro, que xogará a próxima campaña no Córdoba da Segunda División tras o seu espectacular curso en Pasarón, escolleu as súas redes sociais para falar por primeira vez tras a súa saída do club.

"Chega o momento de dicir adeus, e non é fácil atopar as palabras cando se deixa atrás algo tan grande como o Pontevedra CF", comeza asegurando o máximo goleador do Pontevedra na liga recentemente finalizada.

"Grazas, de corazón, a toda a afección. A vosa paixón, o voso alento en cada partido, en casa ou fóra, foi un motor constante. Fixestes que vestir esta camiseta teña un significado especial, e iso non se esquece nunca", afirma.

Dalisson non se esquece nas súas palabras dos seus compañeiros e tamén do corpo técnico, recoñecendo que "o crecemento que tiven aquí débovolo en gran parte".

Por todo iso, e xa convertido nun auténtico ídolo pola afección pontevedresa, o atacante asegura que fai as maletas "con nostalxia, pero tamén con orgullo e agradecemento".

Porque o vivido na Boa Vila non se esquecerá tan facilmente. Non en balde foi o seu trampolín definitivo cara ao fútbol profesional, e por iso "o Pontevedra será sempre parte de min, e alá onde vaia, levarei este escudo no corazón".

A de Dalisson de Almeida é a primeira depedida oficial no plantel granate, á espera de coñecer os plans da dirección deportiva do club co resto de futbolistas.