Dalisson e o partido ante o Zamora en Pasarón: "Creo que o factor campo vai axudar moitísimo"

Pontevedra
21 de febreiro 2024

O futbolista granate, titular nas 23 xornadas de liga disputadas ata a data, foi o protagonista este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón. Asegura que o próximo encontro fronte ao terceiro clasificado e rival directo, o Zamora, "é un partido máis" aínda que recoñecendo que "todos sabemos que é moi importante"

Dalisson, no partido de liga entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón
Dalisson, no partido de liga entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol céntrase xa no próximo partido de liga, todo un encontro entre primeiro e terceiro clasificado ao visitar o Zamora o Estadio Municipal de Pasarón (domingo 25, 17.00 horas).

"É un partido máis", asegurou este mércores en rolda de prensa Dalisson de Almeida aínda que recoñecendo que "todos sabemos que é moi importante".

O é porque un triunfo "é clave para distancialos", afirma, xa que o conxunto zamorano quedaría a 6 puntos dos granates e co average perdido.

Por ese motivo todo apoio será importante, e para o 18 do Pontevedra "creo que o factor campo vai axudar moitísimo". De feito "gustaríame facer un chamamento", sinalou cara á afección pontevedresa augurando que "o domingo vai ser un partido súper bonito de ver".

Dalisson espera, iso si, un rival que "é un gran equipo, e que supoño que nos terán un pouco de rancor pola ida. É un equipo duro, xoga directo e atrás concede moi pouco", analizou ante os medios de comunicación.

Dio un futbolista que ata o de agora foi fixo nos plans de Yago Iglesias, titular en todas e cada unha das 23 xornadas disputadas, o que lle fai sentirse "importante" no equipo, tanto se xoga máis pegado a banda como contra o Coruxo ou nunha zona máis interior. "Síntome máis cómodo xogando por dentro, pero ficháronme como extremo e tamén estou cómodo por fóra", afirmou disposto a xogar onde lle requira o seu adestrador.