David Chapela cambia o Teucro polo Cisne

Pontevedra
29 de xuño 2016

O xogador pontevedrés estaba a negociar a súa incorporación ao Bada Huesca de Asobal, pero a oferta "non era do todo satisfactoria", polo que decidiu quedar na cidade de Lérez. Como o Teucro, que lle ofrecía a renovación no seu momento, xa lle atopara substituto, decidiu aceptar a proposta do Cisne

David Chapela no partido ante o Ángel Ximénez
David Chapela no partido ante o Ángel Ximénez / Diego Torrado

Importante fichaxe para o Club Cisne Balonmano, que se fixo cos servizos do xa ex-teucrista David Chapela.

O central pontevedrés, ao que o Teucro ofreceu a renovación ao termo da tempada, atopábase negociando a súa incorporación ao Bada Huesca da Liga Asobal, polo que decidiu esperar para dar unha resupuesta aos azuis.

Finalmente "non puidemos chegar a un entendemento e tomei a decisión de seguir en Pontevedra", sinalou o xogador con respecto á opción do Huesca, xa que "a oferta non era do todo satisfactoria como para deixar un ano parada a miña carreira universitaria".

Unha vez rotas as negociacións cos aragoneses "e coa porta da SD Teucro pechada como central", xa que os azuis atoparan un recambio nese período de tempo, "presentóuseme a oportunidade de seguir xogando en División de Honra Prata na miña cidade e finalmente é o que decidín", explicou Chapela tras confirmar a fichaxe.

O xogador pontevedrés mostrouse "agradecido" por vestir a camiseta teucrista durante "13 anos nos que vivín momentos mellores e peores pero nos que fun inmensamente feliz", explicou nunha carta dirixida aos medios de comunicación.