David Pérez únese á lista de baixas do Pontevedra

Pontevedra
05 de xullo 2014

Coa de David Pérez xa son sete as baixas confirmadas no club granate, que moi posiblemente sigan ampliándose o luns, tralas conversacións que o club ten pendentes de manter con Caco, Benja e Moreira

David Pérez nunha xogada do Pontevedra-Atlético Granadilla
David Pérez nunha xogada do Pontevedra-Atlético Granadilla / Diego Torrado

Segue o rosario de baixas no Pontevedra. Tralo anuncio oficial por parte do club na tarde do venres das baixas de Richi, Santi Domínguez, Paco, Javi Otero, Pablo Lede e Miguel Vázquez, únese agora a de David Pérez, segundo un comunicado emitido pola entidade granate ao mediodía do sábado.

Aínda que a non renovación de David Pérez era previsible, tralos acordos adoptados a principios de semana pola comisión deportiva, no propio consello de administración había discrepancias sobre a posibilidade de renovar o contrato cun dos xogadores máis utilizados polo técnico na campaña anterior, aínda que finalmente optouse por dar por finalizada a súa relación co club granate.

O capítulo de baixas moi posiblemente siga ampliándose o luns, tralas conversacións que o club ten pendentes de manter con Caco, Benja e Moreira.