De novo, o Arosa suma un punto tras empatar sen goles ante o Ourense CF

O Salnés
20 de xaneiro 2019

Pola súa banda, o Céltiga consegue gañar ao UD Paiosaco tras nove xornadas sen puntuar e o Ribadumia continúa en postos de descenso ao perder contra o UD Ourense

Derradeiro partido do ano para o Ribadumia e o Arosa
Derradeiro partido do ano para o Ribadumia e o Arosa / Diego Torrado

O Arosa suma un punto, por segunda semana consecutiva, ante o Ourense CF na Lomba. Aínda que, neste momento da tempada, o cadro pontevedrés atópase fóra dos postos que optan ao ascenso, a súa dinámica é boa para, aos poucos, ir gañando posicións e recortando distancias co alto da táboa. Pola súa banda, os visitantes continúan na parte media da clasificación.

A igualdade reinou entre os dous equipos nun choque sen tantos. Poucas foron as ocasións de gol que crearon ambos durante a primeira metade. Tras o paso polos vestiarios, o cadro arousán tivo unha oportunidade clara de poñerse por diante no marcador e levar, así, os tres puntos. Foi no minuto 49 cando Diego parou un bo tiro de Sylla. No 83', os visitantes quedaron con 10 homes no campo tras a expulsión do xa nomeado gardameta ourensán ao recibir a súa segunda amarela por derrubar a Sylla fóra da área.

Consulta a acta do Arosa-Ourense CF.

Por fin, tras nove xornadas sen puntuar, o Céltiga conseguiu superar ao UD Paiosaco en Porta Santa. Unha vitoria que, a priori, non se esperaba e que lle vén fantasticamente ao cadro pontevedrés para deixar atrás o perigo.

O partido estivo liderado desde o seu inicio polos visitantes. Tanto foi así, que o único gol dos de Emilio Riveiro foi marcado de penalti por Eloy Díaz no 32'. Pola súa banda, os gañadores da xornada marcaron o 0-1 xa no 13' de man de Pillado e, dous minutos despois, Edu Otero logrou o 0-2. Así, o choque foise ao descanso coa vantaxe dun tanto dos do Céltiga (1-2).

Tras o paso polos vestiarios, nada puideron facer os anfitrións por igualar o marcador. Con todo, os de Javi Rey non o deixaron aí e marcaron o definitivo 1-3 no 53' grazas a Aram.

Consulta a acta do UD Paiosaco-Céltiga.

O CD Ribadumia continúa en postos de descenso despois de perder, esta fin de semana, contra o UD Ourense no Couto. Pola súa banda, o cadro local atópase ás portas do máis alto da táboa.

A pesar do resultado (2-0), o partido estivo moi igualado desde o principio. Tanto foi así que, non foi ata o 83' que Vieytes conseguiu poñer a los ourensáns por diante no marcador. Co 1-0 ao seu favor, Isma, no último minuto do choque, marcou o 2-0 definitivo.

Consulta a acta do UD Ourense-CD Ribadumia.