A cidade eslovena de Bohinj acollerá a próxima fin de semana o Campionato de Europa de piragüismo maratón. É unha das principais citas deportivas do verán e ata alí desprazarase unha delegación pontevedresa para tomar o relevo de cara ao próximo ano.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañada dun técnico municipal, viaxará ata Eslovenia para recoller a bandeira deste Europeo que, no ano 2016, celebrarase en Pontevedra.
A delegación pontevedresa recollerá dita bandeira nun acto oficial previsto na xornada na que se poñerá o broche final á competición, na tarde do sábado.
Pontevedra collerá o relevo de Bohinj e celebrará en xullo de 2016 unha nova edición do Campionato de Europa de piragüismo maratón. Será nun circuíto que estará habilitado no río Lérez e no que se darán os grandes especialistas desta modalidade no Vello Continente.
Segundo avanzou Anxos Riveiro, a data concreta do campionato aínda está sen pechar, xa que no caso de Pontevedra dependerá do calendario de mareas do río.