O decatleta Xoel Otero asegura o seu billete para o Nacional sub23

O Salnés
24 de xuño 2026

O arousán sumou un total de 6.830 puntos, que supoñen unha nova mellor marca persoal e sitúano na segunda praza do ranking nacional Sub23 e entre o quince mellores atletas absolutos do país

O decatleta Xoel Otero coa súa adestradora Verónica Cores
O decatleta Xoel Otero coa súa adestradora Verónica Cores / Agrupación Atlética Mazi

Nunha fin de semana marcada pola intensa calor, que alcanzou nalgún momento os 36 graos de temperatura, o atleta arousán Xoel Otero asinou unha actuación sobresaliente no Campionato Galego Absoluto de atletismo, disputado nas pistas de Monterrei, en Pereiro de Aguiar.

O atleta, natural da Illa de Arousa, participou na proba de decatlón, na que competiu a un gran nivel e sumou un total de 6.830 puntos.

Este rexistro supón unha nova mellor marca persoal (MMP), sitúao na segunda posición do ranking nacional sub23 e entre o quince mellores atletas absolutos do país.

Ademais, a puntuación obtida é mínima A para o Campionato de España Sub23, que se celebrará en Cáceres, onde xa ten asegurada a súa participación.

Este rendemento tamén lle permite escalar até a cuarta posición no histórico galego da disciplina, só por detrás de Adolfo Sainz-Maza, Gerson Vidal e o olímpico David Gómez, únicos que superaron a barreira dos 7.000 puntos.

Durante as dúas xornadas de competición, Xoel Otero logrou mellorar a súa marca persoal en seis do dez probas do decatlón.

Os seus rexistros foron: 11.26 en 100 metros lisos; 7,19 metros en salto de lonxitude (MMP); 12,40 metros en lanzamento de peso (MMP); 1,79 metros en salto de altura; 50.69 en 400 metros lisos (MMP); 15.03 en 110 metros valas (MMP); 36,48 metros en disco (MMP); 3,90 metros en pértega; 45,42 metros en xavelina (MMP) e 4:55.77 en 1.500 metros.