O calendario ao completo das Series Mundiais de Tríatlon 2026, ás que regresa Pontevedra, xa é oficial.
World Triathlon confirmou as datas e eventos que compodrán a súa maior competición, coa xa anunciada previamente Gran Final en Pontevedra entre os días 24 e 27 de setembro.
Fíxoo tras celebrar en Wollongong, Australia, o seu XXXVIII Congreso Mundial.
Até nove probas noutros tantos países precederán á Gran Final que se disputará na Boa Vila, con novidades como o regreso unha década despois ao calendario da capital inglesa, Londres.
As Series Mundiais arrincarán o 27 de marzo en Abu Dhabi, nos Emiratos Árabes.
Despois, antes da decisiva cita pontevedresa do mes de setembro, farán parada en Samarkand (Usbequistán, 25 e 26 de abril), Yokohama (Xapón, 16 de maio), Alghero (Italia, 5 de xuño), Quiberon (Francia, 20 de xuño), Hamburgo (Alemaña, 11 de xullo), Londres (Inglaterra, 25 de xullo), Weihai (China, 29 de agosto) e Karlovy Vary (República Checa, 13 de setembro).
Cabe destacar que a edición de 2026 das Series Mundiqles supoñen o inicio oficial do período de clasificación para os próximos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.
En Pontevedra, ademais da Gran Final, celebrarase nas mesmas datas o Campionato do Mundo de Paratriatlón.