Derbi para o Ribadumia en Vilalonga, vence o Arosa no desconto e segue firme o Céltiga

O Salnés
09 de outubro 2016

Primeiro derbi en categoría nacional para Villalonga e Ribadumia e vitoria visitante en San Pedro, nun partido no que os aurinegros tiraron de oficio para dominar no xogo e no marcador, pero terminaron sufrindo. Un gol de Rivas na última xogada do partido dá a vitoria ao Arosa

Partido entre Villalonga e Ribadumia en San Pedro
Partido entre Villalonga e Ribadumia en San Pedro / Diego Torrado

Primeiro derbi en categoría nacional para Villalonga e Ribadumia e vitoria visitante en San Pedro, nun partido no que os aurinegros tiraron de oficio para dominar no xogo e no marcador, pero terminaron sufrindo, con protestas locais nos últimos minutos.

Os de Sierra adiantáronse pronto (minuto 16) cun gol de Fran Fandiño, co que se chegou ao descanso. Na continuación, pouco antes de cumprirse a hora de partido Changui facía o segundo, que parecía sentenciar o resultado, pero Adrián Padín reducía distancias a falta de 17 minutos, dando emoción á recta final.

Con este resultado, os de Antonio métense de cheo na zona de perigo, mentres o Ribadumia asoma a cabeza aos postos de privilexio.

Consulta aquí o acta do partido.

Segue pisando forte o Arosa que sufriu para impoñerse na Lomba a un rival directo como o Alondras e fíxoo practicamente na última xogada do partido, para meterse en postos de play-off, quedando como único equipo que non coñece a derrota en Terceira División.

Os de Jorge Otero adiantáronse pronto no marcador por medio de Fran Matos (minuto 4), pero o cadro de Cangas empatou antes do descanso (minuto 36), nun remate de Pablo Couñago.

A pesar das oportunidades de que dispuxo, o conxunto arlequinado non foi capaz de marcar ata que, cando o empate parecía inevitable, no desconto Rivas facía o segundo, facendo estalar de alegría á afección arlequinada.

Consulta aquí o acta do partido.

Non levanta cabeza o Órdenes, que segue sen puntuar na presente tempada e caeu goleado en Vista Alegre por un Céltiga que mantén o paso firme no seu regreso a Terceira, metendo a cabeza nos postos de play-off.

Os da Illa gañaron con autoridade nun partido que tivo como protagonista ao árbitro Jesús López Fernández, deixando ao equipo local con nove xogadores, tras expulsar a Monroy e ao segundo adestrador por dobre amoestación e a Pablo Vidal con vermella directa, mostrando nada menos que 11 cartóns amarelos e tres vermellas.

O Céltiga lograba os seus tres goles na segunda parte. Abría o marcador por medio de Emilio, á volta de vestiarios. Machu facía o segundo e Diego sentenciaba no minuto 79, antes de que o colexiado completase o seu recital de cartóns.

Consulta aquí o acta do partido.