Derrota do Teucro en Meaño fronte ao FC Porto (25-27) e vitoria do Cisne en Tui sobre BM San Tirso (26-24)

Pontevedra
28 de agosto 2016

Dobre compromiso amigable luso-galaico para Teucro e Cisne, que seguen cos seus partidos de pretemporada, e de novo, como sucedese hai unha semana, sorte dispar para os dous equipos pontevedreses, que esta vez investiron papeis, sendo o equipo azul quen se atopou coa derrota, mentres os brancos lograban impoñerse ao seu rival

Partido amigable entre Cisne e San Tirso en Tui
Partido amigable entre Cisne e San Tirso en Tui / Club Cisne Balonmano

Dobre compromiso amigable luso-galaico para Teucro e Cisne, que seguen cos seus partidos de pretemporada, e de novo, como sucedese hai unha semana, sorte dispar para os dous equipos pontevedreses, que esta vez investiron papeis, sendo o equipo azul quen se atopou coa derrota, mentres os brancos lograban impoñerse ao seu rival.

Os de Quique Domínguez fóronse ata Meaño para verse as caras cun potente rival como o FC Porto. Dominaron durante a maior parte do partido, pero terminaron cedendo nos últimos 15 minutos por un axustado 25-27.

O Teucro xogou con acerto e unha excelente defensa na primeira metade, na que chegou a dispoñer dunha renda de cinco goles (8-3) aos 15 minutos, pero os portugueses entoáronse ata poñerse un abaixo (11-10, minuto 25), para irse ao descanso cun apertado 14-12 favorable ao equipo pontevedrés.

A segunda parte tivo parecido guión. O Teucro mandou ata o minuto 45, e mesmo recuperou unha cómoda vantaxe (17-13), pero faltoulle fol e un parcial de 2-6 entre os minutos 45 e 50, deron a volta ao marcador, poñendo ao FC Porto por diante (23-24).

Os portugueses manexáronse mellor nese apertado final para terminar impoñéndose por 25-27.

Pola súa banda o Cisne desprazouse a Tui para enfrontarse ao BM San Tirso, nun partido que os pontevedreses dominaron desde o principio, especialmente na primeira parte, que finalizou cun parcial de 15-10.

Como lle sucedeu ao Teucro, os cisneístas acusaron tamén a súa curta rodaxe, baixando lixeiramente o seu rendemento na segunda metade, o que aproveitou San Tirso para reducir a súa desvantaxe, pero sen poder impedir o triunfo final dos pontevedreses (26-24).