A misión era complicada, non en balde tratábase dunha as pistas máis difíciles da Liga Asobal, pero o tempo acábaselle ao Dicsa Modular Cisne sabedor de que non pode renunciar xa a ningunha oportunidade de puntuar. Con todo a visita este mércores á cancha do Ademar de León, en duelo aprazado no seu día pola covid, non foi unha desas ocasións nas que pelexar polos puntos.
Os de Jabato comezaron con forza para tentar non verse pronto por detrás no marcador. Gonzalo Carró fixo o primeiro tanto e Preciado puxo pouco despois o 1-2. Chegou nese momento o primeiro arreón local, pechando o primeiros cinco minutos de xogo cun 4-2.
A pesar da vantaxe leonesa, o Cisne mantivo o tipo igualando con goles de Pablo Picallo nuns 7 metros e de Álex Chan, aproveitando unha superioridade (5-5), ata que unha exclusión de Álvaro Preciado precedeu a outro parcial do Ademar con tres goles consecutivos.
Os pontevedreses gozaron de ocasións para reducir distancias, pero apareceu a figura de Dino Slavic en portería con tres intervencións que aproveitaron os seus compañeiros para poñer a máxima ao seu favor (12-8) e remar a favor de corrente.
A diferenza chegou aos 5 goles (15-10), e aínda que o cadro cisneísta apertou con dous goles de Preciado e Ramos e senllas paradas de Villamarín e tamén de Pablo González nun sete metros, o Ademar recuperou a súa máxima xusto antes do paso polos vestiarios (17-12).
Aí acabou a resistencia do Dicsa Modular, totalmente superado nun segundo tempo que foi un paseo militar para Ademar. De feito aos 10 minutos da continuación os de Manolo Cadenas xa vencían por 10 (24-14) e a diferenza seguiu crecendo ata un 28-14, cun parcial consecutivo de 7-0 que daba ao traste con calquera esperanza de puntuar.
A partir de entón e ata o final os locais controlaron o marcador sen abafos ante un Cisne coa cabeza posta no partido do próximo sábado fronte ao Guadalajara no Municipal.
Consulta as estatísticas do Abanca Ademar León - Dicsa Modular Cisne.