Derrota pola mínima do Pontevedra B ante o Viveiro

Pontevedra
17 de setembro 2023

O Pontevedra B segue sen coñecer a vitoria esta tempada. Tras o empate da primeira xornada en Arteixo, o filial granate tiña unha nova oportunidade ante a súa afección na Seca, pero un gol de Gamarra no segundo tempo fixo que os tres puntos voasen a Viveiro  

Pontevedra B - Viveiro
Pontevedra B - Viveiro / Pontevedra Club de Fútbol - Cantera PCF

O Pontevedra B segue sen coñecer a vitoria esta tempada. Tras o empate da primeira xornada en Arteixo, o filial granate tiña unha nova oportunidade ante a súa afección na Seca, pero un gol de Gamarra no segundo tempo fixo que os tres puntos voasen a Viveiro.

Empezaron con dúbidas os de Ramos, incapaces de atopar espazos ante un Viveiro moi ben colocado que apenas concedía espazos.

Diego Núñez tivo a máis clara para o Viveiro e, a partir dese momento, foi o Pontevedra B o que comezou a mandar e tivo en Padín o 1-0, pero Ayoub impediuno.

Mereceron os granates irse por diante ao descanso, pero na segunda metade todo cambiou. Modificou o plan o técnico celeste e deu entrada a Adri e Gamarra. Foi este último precisamente o xogador decisivo ao anotar o único tanto do envite ao enganchar coa zurda un saque de esquina e enchufar o esférico nas mallas locais (min. 53).

Tentou o Pontevedra sobrepoñerse ao tanto rival e reaccionou nos instantes finais cun remate que deu no poste, o balón foi a córner e, dese envío, anotaron o empate, pero o gol foi anulado e a vitoria foi para o Viveiro.