Derrota pola mínima do Waterpolo Pontevedra ante o Turia (12-13)

Pontevedra
26 de novembro 2023

As pontevedresas saíron a por todas para tentar conseguir un novo triunfo que lles permitise pechar a primeira volta en cuarta posición, pero o CW Turia, que estaba empatado a puntos con elas, foi máis efectivo para portería e levou a vitoria a Valencia  

Partido Primeira Nacional entre Waterpolo Pontevedra e CW Dos Hermanas
Partido Primeira Nacional entre Waterpolo Pontevedra e CW Dos Hermanas / Cristina Saiz

Despois de dar a badalada gañando ao líder a domicilio a pasada xornada, o Waterpolo Pontevedra regresou á piscina da Escola Naval Militar de Marín para disputar a sétima xornada da Primeira División Nacional Feminina.

As pontevedresas saíron a por todas para tentar conseguir un novo triunfo que lles permitise pechar a primeira volta en cuarta posición, pero o CW Turia, que estaba empatado a puntos con elas, foi máis efectivo para portería e levou a vitoria a Valencia.

E aínda que o inicio de partido foi un tanto dubidoso para o Waterpolo Pontevedra, recibindo un parcial en contra de 0-2, o equipo repúxose enseguida para devolver a igualdade e seguir plantando cara ao seu rival (2-3).

As dúbidas ás filas pontevedresas regresaron no segundo cuarto. O Turia enchufó tres goles en menos dun minuto e púxoas contra as cordas (3-6), pero o cadro local apertou os dentes antes de chegar ao descanso e fíxolles pagar coa mesma moeda. E así, en 30 segundos, entre Carmen Carrera e Irene Esteban, meteron ao seu equipo de cheo no partido (5-6).

Nada máis saír dos vestiarios, Madison Gale e Branca Goset ampliaron a vantaxe para o equipo valenciano (5-8), pero o Waterpolo Pontevedra lonxe de baixar os brazos, volveu responder cun parcial de 3-0 por medio de Valentina Restrepo, Andrea Andión e Iria Amoedo (8-8). Sofía Mirou volveu adiantar ás visitantes, Valentina igualou, e Mirou, a falta de dous segundos, puxo o 8-9 co que se alcanzou o decisivo cuarto.

Tentou cometer os mínimos erros posibles o equipo pontevedrés, pero un penalti de Andrea Andión transformouno Blanca Goset nun 9-11 que encamiñaba ás súas cara a un posible triunfo. As locais mantivéronse na pelexa seguindo moi de preto ao seu rival, pero o Turia foi capaz de manter esa pequena renda de dous goles que foi decisiva na recta final. Andrea Andión subiu o 12-13 a falta de 36 segundos para a conclusión, pero as visitantes aguantaron ben a última posesión para levar os puntos a Valencia.

Consulta as estatísticas nesta ligazón