Descanso para o Teucro cos deberes feitos

Pontevedra
02 de abril 2015

O primeiro plantel azul gozou este mércores dunha xornada de sendeirismo previa a catro días de descanso ao parar a competición durante a Semana Santa. Á volta, os pontevedreses afrontarán unha difícil saída á cancha do segundo clasificado, o Go Fit Sinfín

Marcha de sendeirismo dos xogadores do Teucro na Ruta da Auga
Marcha de sendeirismo dos xogadores do Teucro na Ruta da Auga / SD Teucro

A División de Honra Prata afronta durante Semana Santa un pequeno parón antes de afrontar a recta final da competición, na que se decidirán os postos de ascenso e descenso.

Aproveitando esta circunstancia Quique Domínguez decidiu dar catro merecidos días de descanso no Teucro.

Os azuis afrontaron luns e martes dobre sesión de adestramento e despedíronse da semana de traballo realizando unha ruta de sendeirismo durante a mañá do mércores, desprazándose a Ribadumia para completar a Ruta da Auga.

Tras a xornada de convivencia os adestramentos non volverán ata o luns 6 de abril, momento no que comezará a preparación para un dos partidos máis duros do que resta de campionato, na cancha do segundo clasificado, o Go Fit Sinfín.

De saír vitorioso dese encontro o Teucro, que conta actualmente con sete puntos de vantaxe a falta de seis xornadas, afrontaría a súa primeira opción de asegurar o ascenso na casa ante o Bordils (sábado 18 de abril).

Os azuis chegan á última fase de competición en plena forma e sen ter que pensar na enfermaría, xa que só César Armán continúa de baixa.