Dez fichaxes para reforzar o equipo masculino da Gimnástica

Pontevedra
19 de decembro 2025
Actualizado: 14:40

A entidade pontevedresa buscará un ano máis a permanencia na División de Honra na Liga Nacional de Clubs de Atletismo, nun ano con importantes cambios no seu plantel de deportistas

Equipo masculino da Sociedad Gimnástica na segunda xornada de liga Sociedad Gimnástica

A nova tempada chega con cambios no persoal masculino da Sociedad Gimnástica, que un ano máis parte co obxectivo de lograr a permanencia na División de Honra na Liga Nacional de Clubs de Atletismo.

Para iso a entidade pontevedresa confirma ata unha decena de incorporacións coas que reforzar o equipo.

Chegan todas elas para cubrir as saídas de atletas como Yusef Santos, Pablo Costas, Albert Balada, Lucas Lorenzo, Rubén Lara, Pedro García e Nacho Sarmiento.

O combinero Diego Martínez Vilas (Vila de Cangas), aínda en idade sub-23, aterra na Gimnástica con 6248 puntos como mellor marca no decathlon.

En marcha súmase ao equipo Roi Surribas Porto (Club Atletismo Santiago), nos lanzamentos chega Lucas Terán de la Fuente (Atletismo Torrelavega) e en pértega Óscar Prieto Blasco (Cornellá).

Para os saltos contarase esta nova tempada con dous atletas procedentes dun dos filiais da Gimnástica, o Club Atletismo Sada. Trátase de Diego Míguez Fernández e Adrián Pastoriza, que xa acompañou a pasada campaña nalgunha xornada de liga.

Dobre incorporación terán tamén os obstáculos, con Francisco Cáceres Rivera (Atletismo Numantino) e Pepe Sánchez del Val Verge (Atlética Lucense), mentres que para a velocidade fichouse a Mauro Vázquez Otero (Vila de Cangas).

Por último no medio fondo e desde o UCAM Cartagena, chega ao club pontevedrés Abdelmoniam El Khayami El Komiry.