Dezasete medallas e un record galego, exitoso balance do Galaico en Ferrol

Pontevedra
07 de maio 2019

Dez ouros, tres pratas e catro bronces e, como colofón, un record galego na remuda mixta de 4x100 estilos. Dificilmente a participación do Club Natación Galaico puido ir mellor no Memorial Internacional Juan Varela, celebrado esta fin de semana en Ferrol

Equipo do Club Natación Galaico en Ferrol
Equipo do Club Natación Galaico en Ferrol / Club Natación Galaico

Dez ouros, tres pratas e catro bronces e, como colofón, un record galego na remuda mixta de 4x100 estilos. Dificilmente a participación do Club Natación Galaico puido ir mellor no Memorial Internacional Juan Varela, celebrado esta fin de semana en Ferrol.

O club pontevedrés tivo representación nas categorías infantil, junior e absoluta, logrando o segundo posto na competición, só por detrás do Ponteareas.

Daniel Sánchez, Bea Gómez, María Vilas e Enol Valdés foron os grandes protagonistas da proba ao asinar o record galego da remuda mixta 4x100 estilos, rebaixando a marca vixente en case seis segundos e deixándoa nun tempo de 4:05.39

A nivel individual, María Vilas logrou catro ouros ao sumar tamén o triunfo en 1.500 e 400 libres e 200 bolboreta; mentres que Daniel Sánchez, pola súa banda, conseguiu outros dous ouros en 50 e 100 costas e un bronce en 100 libres. Bea Gómez logrou tamén o ouro en 400 estilos e as pratas en 1.500 e 400 libres e Enol Valdés sumou ao ouro da remuda a prata en 50 libres e o bronce en 200 libres.

A eles sumáronse os bronces de Carla Goyanes en 400 libres e en 400 estilos.

Na Táboa Fina, Bea Gómez levou o primeiro premio e Daniel Sánchez e María Vilas o segundo, o que demostra o seu gran papel na competición.