O Estadio Municipal de Pasarón foi escenario este mércores da presentación oficial de Diego Gómez como futbolista do Pontevedra Club de Fútbol.
O extremo ourensán, cedido polo RC Deportivo, mostrouse ambicioso á súa chegada á entidade granate, pedindo "soñar e ir a polo máis alto".
Gómez asegurou que a da Boa Vila era a súa primeira opción neste mercado invernal, afirmando que "tiña claro desde o primeiro momento que quería saír de Cartaxena e que quería vir aquí a Pontevedra".
Defínese como un futbolista "con descaro, que me gusta asociarme cos meus compañeiros e o principal é achegarlle ao equipo e para iso vin, para achegar, para meter goles, dar asistencias e para gañar partidos".
O ourensán vese "preparado" para poder debutar esta mesma semana en Talavera pero "ao final é decisión do míster", sinalou.
En canto á súa posición sobre o campo, Diego Gómez explicou que "sinto cómodo en banda dereita, como interior, de medida punta... A verdade é un pouco onde me poñan".
Tras a súa chegada o Pontevedra Club de Fútbol mantén aberto aínda o mercado de fichaxes, e é que tal e como recoñeceu o coordinador da secretaría técnica, Jacobo Maestre, "mínimo temos que traer a un, cal non o sei", declarou sobre a posibilidade de incorporar un dianteiro ou outro futbolista, co nome sobre a mesa do silledense Rubén López, futbolista tamén do Deportivo.
En todo caso "temos os pés no chan, imos con paso firme e o que veña, ten que vir sumar", afirmou Maestre acompañando a presentación do novo futbolista granate.