O Pontevedra pecha a cesión de Diego Gómez até final de tempada

Pontevedra
24 de xaneiro 2026

O extremo, con contrato co Deportivo até 2030, atopábase cedido no Cartagena de Primeira RFEF. É o terceiro reforzo invernal dos granates

Diego Gómez, tras anunciar a súa renovación co Deportivo
Diego Gómez, tras anunciar a súa renovación co Deportivo /

Terceiro reforzo invernal para o Pontevedra Club de fútbol.

Despois dunha longa negociación a tres bandas, a entidade granate pechou a incorporación vía cesión de Diego Gómez.

O extremo destro ourensán, de 21 anos, atopábase esta campaña tamén a préstamo no FC Cartagena do Grupo 2 de Primeira RFEF, pero a convulsa situación do conxunto cartaxeneiro e a falta de continuidade durante a primeira volta motivou a súa petición de saída.

Unha vez resolta esta operación o Real Club Deportivo, co que ten contrato en vigor até 2030, autorizou unha nova cesión rumbo ao Pontevedra até final da presente tempada.

Coa súa chegada o equipo adestrado por Rubén Domínguez gaña unha nova baza ofensiva nunha posición debilitada desde o comezo da competición pola baixa de Hervías e posteriormente coa saída de Denia, aínda que este último contaba máis como ariete.

Diego Gómez participou esta tempada en 19 partidos do Cartagena entre Liga e Copa do Rei, 10 deles como titular, acumulando 873 minutos sobre o céspede e achegando un gol.

A pasada campaña pola súa banda competiu primeiro co Arenteiro en Primeira RFEF (20 partidos) antes de regresar ao Deportivo e chegar a debutar na Segunda División (17 partidos con 536 minutos).

Gómez é o segundo cedido que recala esta campaña no Pontevedra desde o Deportivo, xunto a Luisao Macías.