A pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro foi escenario este venres da primeira xornada do Campionato de España de Sprint Olímpico, na que Diego Romero e Adrián Sieiro foron dous dos grandes protagonistas.
Romero (Breogán do Grove) levou a medalla de ouro no C-1 1.000 metros ao superar na final a Manuel Martín (Náutico de Sevilla) e a Daniel Durán (Kayak Tudense).
Pola súa banda na canoa de 500 metros impúxose Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar), con David Marqués e Gonzalo Martín na segunda e terceira posición respectivamente.
Ademais de na categoría senior, en idade xuvenil o piragüismo pontevedrés foi protagonista. Francisco Silva (Piragüismo Portonovo) facíase co ouro no K-1, mentres Carolina García (E.P. Ciudad de Pontevedra) tamén gañaba a súa proba. Tamén o podio na final de canoa foi pleno coa vitoria de Pablo Requejo (Piragüismo Poio), segundo posto de Noel Domínguez (Breogán) e terceiro de Yerai García (Piragüismo Illa de Arousa).
No podio tamén estiveron María Pérez (Náutico O Muiño) cun bronce, do mesmo xeito que Luís Rodríguez (Portonovo) no K-1 xuvenil ou Noel Domínguez (Breogán) e Pablo Rodríguez (Poio), segundo e terceiro na canoa xuvenil.
O primeiro día de competición deixa como líder provisional do campionato ao Club Kayak Tudense con 529 puntos. En segundo lugar está o Club Breogán do Grove empatado a 363 puntos coa Escuela de Piragüismo Aranjuez.
O Campionato de España de Sprint Olímpico continuará o seu curso en Verducido ata o vindeiro domingo 9 de xullo.