O Breogán do Grove acaba terceiro no Campionato de España Sprint de Verducido

Pontevedra
09 de xullo 2017

O Kayak Tudense foi ademais segundo nunha competición que concluíu este domingo despois de tres intensos días na pista David Cal Pontillón do Castro

O Breogán recibe o premio de campión da II Liga Feminina de piragüismo
O Breogán recibe o premio de campión da II Liga Feminina de piragüismo / RFEP

Despois de tres días de intensa competición este domingo botou o peche o XLIX Campionato de España Sprint Senior, Sub-23 e Xuvenil de piragüismo celebrado na pista David Cal Pontillón do Castro de Verducido.

O piragüismo galego e pontevedrés foi protagonista, co Breogán do Grove como máximo expoñente ao ser terceiro na clasificación por equipos tras outro club da provincia como o Kayak Tudense e o vencedor absoluto, o Piragüismo Aranxuez.

No medalleiro o club meco sumou ata 16 metais (6 ouros, 9 pratas e 1 bronce), sendo segundo nesa clasificación, mentres en oitavo lugar desta táboa aparace o Piragüismo Poio Pescamar (4 ouros, 3 pratas e 2 bronces).

Na última xornada de competición, celebrada durante a matinal do domingo, destacou o triunfo de Jenifer Casal e Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) en C-2 200 metros, mentres o Piragüismo Poio impúxose no C-4.

Con estes resultados o Breogán queda terceira na clasificación xeral da Liga Hernando Calleja, proclamándose ademais campión da Copa da Raíña (o Tudense foi campión da Copa do Rei) e da II Liga Feminina.

En Verducido competiron durante tres días máis de 700 deportistas de 79 clubs de toda España. Consulta aquí os resultados completos do campionato.