Dificultade "máxima" para o Teucro ante o BM Logroño

Pontevedra
10 de abril 2018

O equipo pontevedrés recibe este mércores (20:45 horas) ao conxunto rioxano, actual cuarto clasificado, nunha nova xornada da Liga Asobal. "Nos enfrentamos al equipo más en forma de la liga", afirma Quique Domínguez

Tempo morto do Teucro no partido ante o Huesca Diego Torrado

Unha vez máis a Sociedad Deportiva Teucro afronta este mércores (20:45 horas) partido de Asobal entre semana e faino recibindo ao "equipo más en forma de la liga", o BM Logroño.

Así o recoñece Quique Domínguez, que se declara admirador de "un equipo de autor" como o rioxano adestrado por Jota González.

"Nos va a tocar hacer muchas cosas bien si queremos tener opciones", asegura o técnico pontevedrés, que non quere oír falar de contas para certificar a permanencia matemática, xa moi preto para os azuis, e céntrase na filosofía do 'partido a partido'.

Non foi unha semana sinxela para o cadro teucrista, pese ao descanso de competición da pasado fin de semana, ao ter que superar varios xogadores procesos gripais que lles impediron adestrar durante varias xornadas. Ata tres integrantes do plantel víronse afectados por esta circunstancia. Con todo ningún deles perderá o encontro. Tampouco o cubano Yoan Balázquez que este mesmo martes reintegrouse no equipo tras varias xornadas concentrado coa selección nacional do seu país.

A principal dúbida coa que conta o preparador pontevedrés é o estado de Iván Fernández, polos seus problemas no xeonllo, mentres que seguirán como baixa Óscar Silva e Rial.

Tampouco as lesións respectaron ao Logroño, que chegará á Boa Vila con ausencias as de Pablo Paredes, con paperas, ou Ángel Montoro, afectado de ciática. Ademais outros xogadores teñen difícil a súa participación por problemas físicos aínda que poderían entrar na convocatoria, como Juan del Arco, Juan Castro, Garabaya e o gardameta Jacb Kupra, con molestias nun ombreiro.

O encontro será arbitrado por Peñaranda Ortega e Yagüe Mouros, da delegación territorial aragonesa.