Do Arxil a exercer de fisioterapeuta de Costa do Marfil, rival de España no próximo Mundial

Pontevedra
26 de xullo 2023

A pontevedresa Aldara Vázquez, xogadora en activo no Arxil, asiste estes días como fisioterapeuta á selección absoluta masculina de Costa do Marfil, que prepara entre Baiona e Portugal o Campionato do Mundo que se disputará en agosto. "Para min ir ao Mundial con eles a día de hoxe sería cumprir un soño", asegura

Aldara Vázquez, na concentración da selección absoluta masculina de Costa do Marfil
Aldara Vázquez, na concentración da selección absoluta masculina de Costa do Marfil

Aldara Vázquez segue xogando activamente ao baloncesto no club da súa vida, o Arxil, pero a súa faceta profesional como fisioterapeuta abriulle estes días unha ilusionante porta.

A pontevedresa entrou a formar parte do staff da selección absoluta masculina de Costa do Marfil, en principio só para a concentración que están a levar a cabo estes días entre Baiona e Portugal para preparar o próximo Campionato do Mundo, cita na que por certo debutarán o 26 de agosto como rival de España.

"Eles íanse ir a Serbia e no último momento cancelouse todo e acabaron reservando en Baiona", explica Aldara desde a concentración. "Eu estaba o luns pasado na praia cando me chamou Nacho Rebollo contándome a posibilidade. Chamáronme e dixéronme se podía estar ao día seguinte", relata.

Ata o día 30 de xullo, cando finalice o torneo de preparación no que van participar en Portugal, Aldara Vázquez seguirá traballando con Costa do Marfil, aínda que recoñece que "para min ir ao Mundial con eles a día de hoxe sería cumprir un soño, porque como xogadora sei que non vou ir, asumino hai moitos anos, e como fisio sei que esas oportunidades aparecen pouco. Ademais é un grupo humano marabilloso, desde os adestradores, o preparador físico, o médico, xogadores e Anicet Lavodrama, que é un dos responsables".

Esta experiencia abriulle a posibilidade de coñecer a un equipo no que figura un xogador da NBA como Mohamed 'Mo' Bamba​ (recentemente recrutado polos Philadelphia 76ers tras pasar por Orlando Magic e Los Ángeles Lakers), pero tamén figuras como Alex Poythress (Maccabi Tel-Aviv) ou o xogador do Baskonia Matt Costello, entre outros.

"Están moi motivados e eu teño moita fe neles. Estou a verlles adestrar e ao final entendo de baloncesto e véxolles como un equipo potente, un equipo que vai dar moito que falar no Mundial", prognostica Aldara sobre o rival mundialista de España. 

De feito teñen nela xa a unha seguidora máis, porque "desde o día uno fixéronme sentir parte do equipo, que son igual de importante que o resto", e aínda que chegará o momento de volver dirixir a súa atención á cancha como xogadora agora mesmo "estouno gozando moito".