A sombra do descenso atenaza a un Club Baloncesto Arxil que afronta unha fin de semana clave para o seu futuro na Liga Feminina 2.
O conxunto pontevedrés afrontará unha dobre cita na Illas Canarias co obxectivo de romper a súa mala serie de tres derrotas consecutivas e afastarse da última praza.
As verdes caeron á penúltima posición, aínda que con tres vitorias de marxe sobre o que será o seu rival este venres 19 de febreiro en Lanzarote (20.30 horas na Península), o Magec Tías.
Vencer sería definitivo para gañar en tranquilidade durante o tramo final de liga, afastando a única praza de descenso directo e conseguindo marxe de vitorias para non ser o peor antepenúltimo dos tres grupos, que será o cuarto descendido.
Este encontro foi aprazado no seu día (8 de decembro) por un caso de covid no conxunto canario que finalmente resultou ser un falso positivo.
Para a cita Mayte Méndez non poderá contar con Samra Omerbasic, que non estaba inscrita no momento do aprazamento.
O periplo canario do Arxil completarase este domingo 21 (12.00 horas) en Tenerife visitando a pista do Adareva, sétimo clasificado.