Dobre incorporación no Waterpolo Pontevedra: chegan Alba Rodríguez e Carmen Rodríguez

Pontevedra
02 de setembro 2025

Á disciplina pontevedresa incorpóranse a catalá Alba Rodríguez García e a andaluza Carmen Rodríguez Muñoz, esta última irmá melliza da anterior fichaxe, María del Castillo

Carmen Rodríguez e Alba Rodríguez
Carmen Rodríguez e Alba Rodríguez

O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra segue reforzándose para encarar unha nova tempada na Primeira Nacional. Faino con dúas novas fichaxes.

Á disciplina pontevedresa incorpóranse a catalá Alba Rodríguez García e a andaluza Carmen Rodríguez Muñoz, esta última irmá melliza da anterior fichaxe, María del Castillo.

Alba Rodríguez chega procedente do Sport Lisboa e Benfica, club co que fixo pleno de títulos a tempada pasada, ao gañar a liga, a copa e a supercopa portuguesa.

Xogou desde os seus inicios na liga catalá e disputou sete tempadas na liga de División de Honra Feminina co Club Natació Rubí.

Con 22 anos, segundo destaca o club, será o referente do equipo na posición de boia.

Pola súa banda, Carmen Rodríguez chega a Pontevedra xunto á súa irmá María del Castillo, ambas as procedentes de Xerez.

Con 21 anos, as dúas irmás xogaron sempre xuntas e estiveron cinco tempadas en Liga Nacional co Club Waterpolo Dos Hermanas.

Os técnicos pontevedreses subliñan que Carmen é unha xogadora moi polivalente que ocupa principalmente as posicións 4-5.