Os dous equipos da Sociedad Gimnástica, tanto o masculino como o feminino, lograron a pesar das ausencias de varios dos seus atletas subir ao podio do XX Campionato de Galicia de Clubs celebrado nas pistas de Balaídos, en Vigo.
Os mozos levaron a medalla de prata con 131 puntos sendo só superados polo equipo local, o Celta (137.5 puntos), mentres que o Atletismo Santiago (115 puntos) foi terceiro. Fixérono grazas a sete triunfos parciais, catro segundas posicións e un terceiro posto.
As vitorias foron as logradas por Carlos Porto (1.500 metros), David Ferrer (lonxitude), Santiago Ferrer (pértega), Víctor Gallego (peso), Francisco Javier Guzmán (disco), José Manuel Vila (xavelina) e a remuda 4x100 formado por Marco Martinez, Adrián Salgado, David Ferrer e Darío Costas.
En canto ao equipo feminino, subiu ao terceiro chanzo do podio con 114.5 puntos, sendo superado polo Ría de Ferrol (141.5 puntos) e o Atletismo Celta (152 puntos), que fixo dobrete.
O mellor resultado para as pontevedresas foi o triunfo parcial de Andrea González na xavelina, aínda que tamén se conseguiron seis segundas posicións e cinco terceiros postos.
A Sociedad Gimnástica céntrase xa na estrea das ligas nacionais, en especial a de Primeira División Feminina que organizará o vindeiro domingo 29 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.